Tuesday 23 de April de 2024

A Fundación Plácido Castro trae a Fene a conferencia anual sobre o intelectual galeguista


Justo Beramendi impartirá este mércores na Casa da Cultura (20.00h.) a charla “Plácido Castro e a autonomía galega”

O catedrático de Historia contemporánea Justo Beramendi será o encargado de pronunciar a 18ª Conferencia anual Plácido Castro, que terá lugar no auditorio da Casa da Cultura de Fene mañá mércores 25 de xaneiro a partir das 20.00h., organizada pola fundación que leva o nome do polifacético galeguista e polo Concello de Fene. Ramón Plácido Castro del Río (1902-1967) destacou como xornalista, como tradutor e como activista político. A conferencia de Beramendi ocuparase desta última faceta, afondando na visión de Castro sobre Galicia como país con identidade de seu. O Concello de Fene, ademais de ceder o espazo para a charla, tamén colabora na edición do relatorio deste ano.

A conferencia anual leva por título “Plácido Castro e a autonomía galega” e, igual que as 17 conferencias anteriores, busca ampliar o coñecemento da personalidade, da obra e do pensamento dunha figura “orixinal e singular no panorama galeguista de comezos do século XX”, tal e como se describe na web da fundación que promove tanto as conferencias como outras actividades arredor do autor.

Nado en Corcubión en 1902 no seo dunha familia con poder adquisitivo e certa sensibilidade pola cultura, Castro estudou na Gran Bretaña, a onde se mudara a súa familia cando el tiña 6 anos. Retornaría en 1930 sen ter perdido nunca o contacto con Galicia e precedido do seu traballo como tradutor e como colaborador de varios xornais e publicacións, entre elas A Nosa Terra e Céltiga.

Neses anos foi un dos principais activistas do Partido Galeguista e un dos seus maiores referentes, ademais dun dos grandes defensores e propagandistas do Estatuto. Tralo golpe de estado do 36, a súa significación política suporíalle a inhabilitación absoluta, o desterro e unha multa de 25.000 pesetas da época. Primeiro pararía en Vigo, logo trasladaríase a Lisboa e, finalmente, voltaría ao Reino Unido. Alí traballaría para a BBC como locutor e redactor da programación en castelán, en portugués e mesmo en galego a través do Galician Programme da cadea.

A mediados dos anos 50 remata o seu periodo de inhabilitación e regresa a Galicia. Instalado en Cambados proseguiría o seu labor creativo, como traductor e activista cultural -foi un dos impulsores da romaría viquinga de Catoira-, ata o seu pasamento, relativamente novo, en 1967 nesa mesma vila.

Desde o punto de vista político, Plácido Castro encadraríase nun galeguismo nacionalista que nos anos 30 foi aproando á esquerda. Se ben nun primeiro momento defendeu as alianzas do Partido Galeguista con outras forzas para sacar adiante o Estatuto, finalmente as súas teses decantáronse por un avance en solitario, de base social e a prol dunha carta autonómica máis ambiciosa.

A web da fundación fala del como un “galeguista e universalista, un liberal demócrata, pacifista e progresista, admirador do parlamentarismo e cunha considerable sensibilidade social que progresivamente o levou a reivindicar posicións de esquerda no seo do Partido Galeguista”. Unha praxe política fundamentada no concepto de Galicia como unha identidade de seu e diferenzada da contorna inmediata polo celtismo e polo dificilmente definible concepto de saudade.

Desde 2001
A Fundación Plácido Castro naceu en 2001 promovida polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), unha entidade centrada na investigación e o coñecemento da realidade internacional como xeito de mellorar a proxección de Galicia no exterior.

A coincidencia entre o cometido do IGADI e o ideario de Castro deu como resultado esta entidade, creada co obxectivo de “habilitar un espazo recoñecido para os seus traballos e a súa memoria que facilite o acceso de investigadores ou curiosos e, sobre todo, para difundir en Galicia os mesmos ideais que vertebraron a súa concepción da vida, da política e das relacións humanas, impulsando a divulgación do seu pensamento e desenvolvendo accións prácticas conducentes a unha maior e mellor inserción de Galicia no mundo”.

Neste sentido, a Fundación Plácido Castro convoca todos os anos un premio de tradución ao galego que vai pola 17ª edición e tamén a conferencia anual do 25 de xaneiro, coincidindo sempre coa data do seu nacemento, na que se fai unha aproximación á figura do galeguista, escritor, xornalista, tradutor, pintor e mesmo astrónomo.